Saltar ao contido
Contacto
← Sala de prensa
Binarial30 xuñ 2026

Rodrigo Randulfe, CEO de BINARIAL: «É o que se chama Physical AI: levar a intelixencia artificial ao mundo físico»

No 2022 tres amigos apaixonados pola robótica e a tecnoloxía convertíanse en socios da súa propia empresa en Padrón, coa robótica autónoma e intelixente como campo de traballo. Era a orixe de Binarial, que catro anos despois conta con 15 traballadores na súa sede de Ames e ten no mercado produtos propios fabricados na zona. Rodrigo Randulfe (Pontecesures, 1982) é o seu CEO.

—Cal é o seu campo de traballo? 
—Traballamos con AMR (robot móbil autónomo), robots que se moven polas fábricas, de recoñecemento e inspección, que transportan mercadorías por factorías ou contornos como hospitais, capaces de interpretar as mellores rutas e esquivar elementos, e en supermercados para facer xestión de stocks nos lineais. Actualmente traballamos tamén con robots operadores bimanuais humanoides, que é o seguinte salto que dará a compañía o próximo ano, orientados ao ámbito industrial: posicionamento de pezas, colocación… que un robot poida substituír a tarefa dunha persoa. É o que se chama Physical AI: levar a intelixencia artificial ao mundo físico para que os robots non teñan un traballo lineal, senón que poidan tomar decisións fronte a circunstancias inesperadas.
—Defensa acaba de adxudicarlles dous retos estratéxicos no proxecto de elementos esenciais do buque autónomo. Que supón? 
—Como tecnoloxía dual, a robótica pódese aplicar tamén á defensa. É un gran fito que a Armada confíe en tecnoloxía desenvolvida en Galicia por enxeñeiros de aquí. Nós tiñamos interese en posicionarnos en tecnoloxías duais e optamos a esta convocatoria, na que fomos adxudicatarios.
—Que farán neste apartado? 
—Son dous proxectos. En Néboa, xunto con Navantia, traballaremos nun sistema de decisión para navegación marítima 100 % autónoma. O obxectivo é que cando non teña sinal de satélite GPS, o buque sexa quen de identificar a posición mediante referencias clave a través de sistemas de visión combinados con intelixencia artificial que lle permitan saber onde está. O outro é Tethra, con Satec: a idea é situar pequenos buques autónomos e tomar decisións sobre o enxame deles, para tarefas como arrodear un barco ou explorar unha zona autonomamente, sen chocar nin interferir entre eles. Será un cerebro descentralizado para xestionar o conxunto de pequenos buques autónomos. Traballamos nestes proxectos ata finais de ano.
—Que perspectivas de futuro ten a súa empresa? 
—Seguir o camiño iniciado no 2022, desenvolvendo tecnoloxía propia, robótica intelixente, con incursións no ámbito militar como esta, e traballar con robótica humanoide bimanual.

 

Compartir LinkedIn Correo

Máis noticias

Ver todas as noticias