Saltar ao contido
Contacto
← Sala de prensa
Binarial12 nov 2024

Entrevista a Rodrigo Randulfe, CEO de Binarial

Binarial é unha empresa tecnolóxica especializada en automatización, robótica e intelixencia artificial aplicada á industria. Fundada no ano 2022 e composta íntegramente por capital galego, construíuse sobre unha sólida base de talento e eficiencia, contando con profesionais altamente cualificados. A compañía cre firmemente nun futuro industrial máis eficiente e sostible, onde as sinerxías entre humanos e máquinas consigan maximizar o valor engadido. Os seus eixes principais céntranse na flexibilidade, o traballo en equipo, o compromiso e un servizo de atención ao cliente excepcional.

En que innova a súa compañía?

Desde os nosos inicios, a innovación é a pedra angular de todos os proxectos que desenvolvemos en Binarial. As nosas tres principais liñas de desenvolvemento son a automatización, a robótica e a IA aplicada á industria, nas cales se utilizan métodos eficientes e imaxinativos que nos diferencian e nos permiten crear as mellores e máis innovadoras solucións.

Desenvolvemos o noso propio software aplicado á robótica industrial, ao desenvolvemento de maquinaria especial e aos sistemas de detección de envases mediante ultrasóns e intelixencia artificial. Moitos destes proxectos finalmente son patentados e transformados en produtos propios comercializados, cunha alta aceptación por parte do cliente.

Que obxectivo empresarial lle gustaría conseguir nos próximos anos?

O auxe da robótica e a automatización industrial propicia un crecemento nun sector que será clave na produtividade empresarial. O noso principal obxectivo nos próximos anos é consolidar a nosa posición industrial, creando produtos e solucións dinámicos e eficientes.

Cremos que a adaptabilidade da nova robótica industrial será un punto de gran importancia nestes anos vindeiros, así como a aplicación da IA na industria promoverá a optimización produtiva e xerará un alto valor nos produtos industriais.

Cal é o principal reto que afrontan?

Desde un punto de vista local, o principal reto que afrontamos é o risco de promover tecnoloxías novidosas e diferentes. En toda innovación existe un desafío de aceptación do mercado, pero desde Binarial cremos firmemente nun futuro mellor, no que todos os que formamos parte deste proxecto crearemos unha visión tecnolóxica eficaz.

Desde unha visión global, a incursión en mercados europeos doutros competidores pode crear certas dúbidas en posibles clientes. Nesta carreira, unicamente podemos centrarnos en facelo mellor, valorizando os nosos produtos e ofrecendo servizos técnicos de calidade.

Cremos que a robotización e automatización non é unicamente un produto, senón un servizo integral, que empeza con máquinas e continúa con achegas á eficacia do sistema.

Que avances tecnolóxicos espera ver no seu sector de aquí a 2030?

A aplicación da intelixencia artificial vai supoñer un cambio na forma de abordar procesos produtivos industriais. Na actualidade, existen sistemas robotizados autónomos, robots manipulativos, AMRs ou máquinas especiais automáticas, pero seguen precisando da intervención humana en varias das súas tarefas principais como o mantemento, a programación ou o control da produción. Todas estas actividades actualmente están supervisadas e xestionadas por persoas, pero proximamente farase mediante IA especializadas nesas tarefas. Por outra banda, xa se están desenvolvendo robots humanoides para que poidan realizar tarefas industriais.

En Binarial estamos aliñados con esta evolución, desenvolvendo solucións que integran IA avanzada para automatizar e optimizar procesos clave. Cremos que a base do futuro será a capacidade de adaptación.

Que tres habilidades valoran máis na súa compañía ao contratar talento?

Non creo que o talento sexa un estado permanente. Por iso, sempre nos focalizamos en contratar as persoas con varios valores que nos permitan medrar como empresa: a dedicación, o esforzo, o compañeirismo e a confianza no proxecto común son os valores que fomentamos dentro da empresa. Se a isto lle sumamos un forte compoñente de capacidades técnicas, xérase un equipo coa capacidade de asumir grandes retos.

Que proxecto da súa compañía, dos últimos dous anos, destacaría?

Traballamos en varias tecnoloxías, pero destacamos os nosos sistemas de robótica móbil. O desenvolvemento do TROO, un AMR de 300kg de carga, e do COMPY, un AMR de educación e vixilancia, foron os dous proxectos que máis relevancia están tendo.

Toda a fabricación dos nosos AMRs é local, e todo o software e control destes é propio. Aplicamos tecnoloxías como a detección de obstáculos mediante IA, recoñecemento de patróns ou adaptabilidade de rutas aplicando algoritmos que combinan elementos clásicos de navegación e adestramento de IA.

En 2025, lanzaremos a liña de AMRs con máis capacidade, enfocándonos na industria automotriz.

Compartir LinkedIn Correo

Máis noticias

Ver todas as noticias